Friday 03 de May de 2024

Alternativa demanda medidas ao Goberno ante o incremento de actos vandálicos, delincuencia e violencia, relacionados co consumo e venda de drogas


Alternativa dos Veciños presentou unha moción para debater no pleno de abril sobre os graves prexuízos que está a causarlle á veciñanza e ao municipio de Arteixo o consumo e venda de drogas ilícitas

Alternativa dos Veciños denuncia que o consumo e venda de drogas ilícitas está a causarlle graves prexuízos á veciñanza e ao municipio de Arteixo.

“Os efectos das drogas ilícitas, a delincuencia e a violencia son sumamente prexudiciais para as comunidades locais a nivel microsocial, xa que os membros desas comunidades teñen que vivir no medio de mercados de drogas ilícitas onde sempre están presentes a delincuencia e a violencia, e a ameaza da delincuencia e a violencia.

Na actualidade o noso municipio está a ser vítima de moitos actos vandálicos, roubos e, mesmo nalgunhas ocasións, están a darse situacións de delincuencia e violencia, frecuentemente por motivos relacionados co consumo e venda de drogas” apunta a Voceira de Alternativa dos Veciños, Noelia Martínez Canosa.

“Lamentablemente, vivimos nunha sociedade onde cada día é mais frecuente o consumo de drogas ilícitas en idades mais temperás. E, a esta grave problemática temos que engadir outra non menos preocupante, xa que esta situación en comunidades locais provoca delincuencia, violencia e inseguridade, tanto por parte de vendedores como de consumidores, que en gran parte son persoas que en situacións económicas precarias buscan a maneira mais fácil de poder conseguir diñeiro para poder comprar e consumir.

Veciños e veciñas dos diferentes núcleos de poboación do noso municipio sofren as nefastas consecuencias destas situacións e viven o seu día a día rodeados de medo e inseguridade. Tamén, cabe destacar as situacións que se viven nas proximidades dos colexios, onde os principais implicados son mozos e mozas, na súa gran maioría menores de idade, que son tentados polos vendedores de drogas nun entorno que debería estar totalmente protexido e libre dunhas substancias prohibidas, que logo terminan por arruinarlles a vida a moitos destes mozos e mozas” explica Noelia Martínez.

“Nun municipio como Arteixo, onde xa contamos con máis de trinta e catro mil habitantes, deberiamos contar no ano 2024 cos suficientes efectivos e medios para garantir a seguridade cidadá a todos os niveis pero, desgraciadamente, tal e como se pode comprobar a diario nas rúas, no Concello de Arteixo temos grandes carencias no referente a xestión da Seguridade Cidadá, tanto nos medios municipais como nos que son competencia doutras administracións.

É por iso que solicitamos reforzar o control e a vixilancia, principalmente naquelas zonas nas que xa se ten constancia de que son puntos de venda de droga; reforzar a seguridade cidadá, ampliando e actualizando se fose necesario os convenios cos corpos e forzas de seguridade dependentes doutras administracións; mellorar a coordinación e a organización no corpo da Policía Local, garantido que se cumpran tales funcións como poden ser as de patrullar, tanto a pé como en coche, xa que isto é moi importante para que os vendedores de droga perciban que existe vixilancia nas rúas do noso municipio; traballar en coordinación cos centros educativos e coas entidades deportivas e veciñais do municipio para desenvolver charlas e campañas preventivas contra o uso das drogas; crear campañas publicitarias de concienciación sobre o gran problema que supoñen as drogas para a sociedade no seu conxunto, e especialmente para os mozos e mozas; crear programas de prevención para pais de adolescentes en risco e crear talleres para familiares e responsables de persoas con problemas de consumo de drogas, para que poidan saber como actuar e como desenvolverse ante estas situacións. ” matiza a voceira de Alternativa.

Deja un comentario